Friday 26 de April de 2024

Impulso á rehabilitación na ARI de Pontepedriña


O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez Mejuto, visitaron esta mañá a Área de Rehabilitación Integral de Pontepedriña, onde xa está en marcha a obra de colocación do primeiro ascensor exterior para dotar de maior accesibilidade ás vivendas do barrio.

“Estamos nun momento de impulso” da rehabilitación das vivendas desta zona, indicou o alcalde, que lembrou que “aínda que os proxectos quedaron rematados en 2010 houbo moitas dificultades e non se puideron retomar ata 2017”. Non obstante, o rexedor manifestou a súa convicción de que “en pouco tempo seguro que veremos a rehabilitación total do barrio” e puxo como exemplo as actuacións realizadas nas ARI de Vista Alegre e do Casco Histórico.

A carón do primeiro edificio con licenza para a construción dun ascensor, Sánchez Bugallo anunciou que se porá en marcha no propio barrio unha oficina de asistencia e axuda a todos os veciños e comunidades que queiran iniciar obras de rehabilitación nas súas vivendas. O alcalde agradeceu a colaboración da consellería de Vivenda e do goberno central porque grazas á axuda e ao apoio entre institucións “máis de 2000 vivendas se viron beneficiadas na cidade”.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, abundou na necesidade da colaboración entre administracións para o desenvolvemento dos plans de vivenda e lembrou a importancia da rehabilitación non só como elemento imprescindible para mellorar a calidade de vida da cidadanía senón tamén como un motor de emprego.

O barrio
O barrio da Pontepedriña constitúe unha unidade urbana conformada por dous grupos de vivendas distintos construídos en dúas datas: en 1955, o Grupo Compostela, e en 1972, o grupo Cardeal Quiroga Palacios.

Cada un coa súa propia tipoloxía edificatoria pero con características similares, dotan o barrio de certa homoxeneidade na súa estrutura e morfoloxía, que se mantén ata os nosos días, en torno á Praza de León como espazo central. En total, son 376 vivendas distribuídas en 42 edificios (100 vivendas distribuídas en 13 edificios no Grupo Compostela e 276 vivendas distribuídas en 29 edificios en Cardeal Quiroga Palacios).

Trátase de barrios promovidos no século pasado polo Instituto Nacional da Vivenda e planificados conxuntamente, de forma que eran facilmente identificables, tanto para os residentes como para o resto da cidadanía.

Nun primeiro momento, sitos na periferia, o ámbito estaba pouco e mal comunicado, rodeado de áreas suburbanas e semirrurais, pero debido ao proceso de expansión urbana experimentado a partir do PXOU de 1989, coa planificación das áreas exteriores da cidade como futuras reservas residenciais e á localización de novos servizos, nas últimas décadas pasan a ocupar un espazo central na cidade, rodeado de novas e modernas construcións que se desenvolven ao longo de importantes vías de penetración e saída do centro.

As súas dimensións e características actuais son as seguintes:
 Superficie barrio: 228.500 m2
 Superficie construída: 110.420 m2
 Porcentaxe do uso residencial: 96,74%.
 Reserva docente: 20.000 m2
 Zonas verdes: 26.400 m2
 Viario e aparcamento: 69.680 m2

Segundo os datos do Padrón municipal, do ano 2018, nesta zona da cidade habitan 721.

O estudo de detalle e a declaración de Área de Rehabilitación Integral
A instancias municipais, o ámbito foi declarado Área de Rehabilitación Integral (ARI) por acordo da Conselleira de Vivenda e Solo de 23 de decembro de 2008 ao abeiro do Plan estatal de vivenda 2005-2008.

A declaración de ARI tiña e ten por obxecto “coordinar e programar as actuacións das administracións públicas (Estado, Comunidade Autonómica e Concello) e fomentar as actuacións privadas de rehabilitación mediante axudas de carácter técnico, económico e de xestión e información”.

As actuacións subvencionables previstas para a rehabilitación do barrio tiñan os seguintes obxectivos:
– Mellora da accesibilidade das vivendas mediante a instalación de elevador no espazo público. Esta actuación leva aparellada a substitución das escaleiras orixinais.
– Mellora da eficiencia enerxética dos edificios, mediante a renovación da totalidade da envolvente exterior. Esta actuación leva aparellada o revestimento térmico nas fachadas, a substitución de carpintarías exteriores e a reparación de cubertas.
– Renovación das instalacións xerais. Esta actuación pode afectar á instalación de electricidade, auga, gas, comunicacións, seguridade.

A necesidade de poder amparar estas actuacións dende o punto de vista urbanístico e de acordo ás propias determinacións do PXOU do 1989 levan ao Concello a iniciar a redacción do correspondente Estudo de Detalle que posibilitara a incorporación de elevadores privados no espazo público.

Este documento apróbase definitivamente o 17 xaneiro de 2019. Deste xeito queda aberta xa a posibilidade de executar actuacións de rehabilitación integral do edificios e do espazo público.

Aínda que a área de Rehabilitación Integral se declarou no ano 2008 non foi ata o ano 2010, unha vez superadas as dificultades de arranque do proceso, cando se iniciaron as actuacións de rehabilitación